O Concello de O Vicedo galardoado nos premios "Lugo Cambia ao turismo lucense"

12-09-2020

O Consello Provincial de Turismo decidiu distinguir nesta primeira edición do certame ao Concello de O Vicedo, á asociación de desenvolvemento rural da Serra do Courel, á Fundación Uxío Novoneyra, á aplicación Xantarda e ao restaurante Cantábrico da Fonsagrada.

“Máis alá das persoas, establecementos, institucións ou entidades gañadores, penso que, neste momento, estes premios simbolizan un recoñecemento conxunto ao traballo realizado pola hostalería e polo turismo da nosa provincia, que amosaron unha grande capacidade de resposta”, subliñou o Presidente da Deputación, José Tomé.

A decisión debe ser aprobada pola Xunta de Goberno da institución provincial, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia.

O xurado estivo formado por 21 persoas relacionadas co turismo da provincia e Deputación, dándolle voz a asociacións, entidades e grupos políticos con representación na Corporación provincial.

Estes distintivos teñen por misión recoñecer publicamente a dedicación de distintas empresas, persoas, institucións ou entidades, os méritos polo traballo realizado en prol do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística provincial, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense.

Os premiados
O xurado acordou distinguir a estas cinco iniciativas turísticas da provincia en función duns méritos e características propias que axudan a promover un turismo de calidade e propio da provincia de Lugo. 

 

...O Concello de O Vicedo recibe galardón por desenvolver iniciativas e proxectos ligadas ao turismo sostible e responsable. É o caso dos Mércores de Natureza, a través dos que se impulsan actividades de turismo activo, nas que se mesturan accións deportivas, ornitolóxicas, de natureza e xeolóxicas. Tamén pola introdución dun conxunto de medidas para controla e mellorar a experiencia dos visitantes que acoden a coñecer o Fuciño do Porco e, entre outras, impulsar a Romaxe Viquinga, un evento vencellado ao patrimonio e á historia deste municipio da Mariña. 

Ligazóns

Compartir: