Nova web de reservas para visitar Fuciño do Porco

29-06-2020

Debido ás recomendacións sanitarias  sobre os novos hábitos hixiénicos e de comportamento social e cívico nesta “nova normalidade” para afrontar a crise derivada da COVID-19 , e coa intención de poder cumprir coas novas esixencias que aseguren un turismo responsable ante este contexto, a partir do próximo luns 1 de Xullo, o Concello de O Vicedo vai regular o número de visitantes ao Fuciño do Porco, limitando o acceso a un máximo de 25 persoas cada  45 minutos grazas a un sistema de cita previa a través de internet.
A páxina dende onde terán que facer as reservas todos aqueles interesados en visitar Punta Socastro neste período estival é  www.puntafucinodoporco.gal, sendo o sistema adoptado semellante, por exemplo, ó xa implantado na Praia das Catedrais de Ribadeo.
É importante recalcar que esta restrición cínguese exclusivamente ao tramo que vai dende un pouco antes do comezo das pasarelas ata a baliza marítima que dá remate ao percorrido, aproximadamente, os últimos 600 metros do total dos 1,9 Km desta ruta (3,8 Km ida e volta).
Persoal contratado polo Concello de O Vicedo exclusivamente para este fin, encargarase de facer respectar o cumprimento tanto das normas hixiénico-sanitarias  como de controlar o acceso dende as  9 da mañá  ata as 9 da noite de luns a domingo. Os visitantes poderán portar as súas autorizacións de paso neste último tramo ben en formato papel ou de forma dixital grazas ao correo de confirmación recibida cos datos da reserva unha vez rematada a súa xestión .
Hai que ter en conta que o Fuciño do Porco é un enclave turístico que se converteu en apenas uns anos nun dos dous puntos máis visitados polo turismo de toda  A Mariña lucense, xunto coa Praia das Catedrais. Parece polo tanto conveniente e responsable, optar por medidas como a actual para velar pola seguridade e desfrute de tódolos nosos visitantes.
Compartir: